Web electoral
Vicente Irisarri establece liña directa coa cidadanía a través da súa web de campaña www.vamosferrol.com
Os ferroláns poderán trasladar os seus problemas e suxerencias ao candidato, descargarse melodías e coñecer as últimas novas
Ferrol, 17 de abril de 2007.
www.vamosferrol.com é a nova web de campaña de Vicente Irisarri Castro, candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Ferrol. “Vamos a escoitarte” é un dos principais compromisos que o socialista contraía coa cidadanía no arranque da precampaña o pasado venres e, para facelo efectivo, hoxe mesmo se puxo en marcha este portal. Na súa presentación, Vicente Irisarri explicou que a web pretende ceder todo o protagonismo aos ferroláns. E, para iso, a súa páxina principal invita aos internautas a expresar os seus desexos e peticións para a urbe. Desexos e peticións que o candidato conseguirá grazas á axuda da cidadanía. “Vamos! Ferrol” é o lema que guiará as actuacións de Vicente Irisarri, que á súa vez pregunta na web ¿que vamos a facer xuntos?
O candidato do PSOE subraiou que tamén terá liña directa cos internautas a través da sección “Pregúntalle a Vicente”, onde quen o desexe poderá plantexarlle tódalas dúbidas, suxerencias ou ideas que se lle ocorran. Pola súa banda, o socialista comprometeuse a contestar diariamente a todas e cada unha das mensaxes que reciba.
Os ferroláns tamén teñen a posibilidade de deixar a súa pegada no portal achegando fotografías e vídeos; poden descargarse fondos de escritorio, tonos e melodías, ou salvapantallas do PSOE; están en condicións de acceder a un avance do programa electoral dos socialistas, ou poden coñecer ao equipo que encabeza Vicente Irisarri a través dunha galería de imaxes acompañadas dunha breve descripción profesional de cada un deles.
Asemade, a web www.vamosferrol.com tamén dá conta da axenda diaria do candidato socialista e inclúe as últimas novas de Vicente Irisarri e o seu equipo. ¿Outra opción dispoñible para coñecer máis do PSOE? Achegarse á sede de campaña, sita na rúa Galiano 68, baixo. A web pon a disposición dos usuarios un mapa coa súa localización e ofrece diferentes imaxes interiores e exteriores.
Na presentación do portal, Vicente Irisarri tamén avanzou algúns dos seus principais proxectos no eido das últimas tecnoloxías se gaña as eleccións. Así, explicou que fomentará o uso do software libre no Concello e potenciará o seu emprego na cidade; traballará a favor da implantación da Administración electrónica para facilitar as xestións aos cidadáns, dende pagar unha multa ata solicitar unha licenza; establecerá programas alfabetización dixital en colaboración coas asociacións de veciños, e ampliará a todo o concello a tecnoloxía wifi, tanto á zona rural como á urbana.
No hay comentarios.:
Publicar un comentario