Participación ciudadana
Irisarri sitúa o diálogo cos veciños como a súa primeira prioridade e aposta pola creación do Valedor municipal
O candidato socialista á Alcaldía de Ferrol comprométese a implantar un modelo de cidade participativa e a constituír unha concellería específica
Ferrol, 23 de maio de 2007.
O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Ferrol, Vicente Irisarri Castro, asegurou hoxe que a súa máxima prioridade ao fronte do Concello será fomentar o diálogo cos veciños. E, para alcanzar este obxectivo, o socialista plantexa toda unha serie de medidas que convertirán a Ferrol nunha cidade participativa e aberta. A primeira, a constitución da propia Concellería de Participación Cidadá. Non será a única, xa que o socialista tamén aposta pola creación da oficina de atención cidadá como punto de información, recepción de suxerencias e reclamacións, e pola posta en marcha da figura do Valedor municipal, persoa que se encargará de velar polo cumprimento dos dereitos cívicos no eido municipal de Ferrol. Este dará conta en pleno dos seus informes e as súas recomendacións terán carácter vinculante, dende o punto de vista ético, para o PSOE.
Nesta liña, Vicente Irisarri defende o uso das novas tecnoloxías para promover o debate, a consulta e a participación dos veciños nos asuntos de interese municipal. Un xeito de garantir o acceso universal e acurtar distancias. Asemade, o candidato socialista comprometeuse a facilitar outros instrumentos e canles para conferir á participación cidadá a importancia de constituír un obxectivo prioritario das políticas socialistas. É por isto que, a maiores do exposto, o alcaldable do PSOE aboga pola creación do consello de participación cidadá, órgano municipal de funcionamento permanente no que estarán representados os distintos sectores da cidade, así como pola elaboración dun plan municipal de participación onde se plasmen as liñas de traballo do goberno local neste eido, buscando a implicación da sociedade ferrolá no seu deseño, desenvolvemento e avaliación.
Outra das prioridades para o socialista será fomentar o asociacionismo como elemento dinamizador e protagonista das actuacións do Concello e, á par, crear a rede de asociacións. Unha iniciativa que favorecerá o intercambio de información sobre os seus integrantes, os seus obxectivos, as súas actividades e as súas experiencias.
Carta de dereitos cidadáns
Vicente Irisarri propón tamén a elaboración dunha carta municipal de dereitos cidadáns que dé conta do exercicio dos dereitos cívicos da ciadadanía. En especial, no eido da participación nos asuntos públicos. Ao respecto, considerou como prioritaria a redacción da carta de servizos. Neste contexto, avanzou a redacción de plans de comunicación interna e externa no Concello, promovendo a transparencia da xestión local e a integración en redes de traballo intermunicipal e con outras administracións.
Aproveitando que mañá, xoves, será o último día da campaña no que Vicente Irisarri e o seu equipo manterán distintos encontros coas entidades veciñais, o candidato socialista quere agradecer publicamente a axuda dos ferroláns á hora de transmitirlle as súas dúbidas, necesidades, reclamacións e tamén ánimos nestes días. En especial, a todos aqueles cidadáns, membros de asociacións ou non, que contribuíron decisivamente coas súas aportacións ao programa electoral socialista. Un programa que, en todo caso, permanecerá aberto a novas suxerencias durante os vindeiros catro anos.
En definitiva, Vicente Irisarri asegurou que o seu obxectivo será outorgar aos veciños o papel central que merecen na política do Concello. E, para iso, buscará a súa implicación activa na elaboración e desenvolvemento das actuacións públicas que lles afectan.
No hay comentarios.:
Publicar un comentario