Juzgado de guardia en Ferrol
Xustiza habilitará un espazo físico para ubicar o xulgado de guardia de forma estable en Ferrol
A petición de Sestayo, Begoña Santos explica que espera que o Concello lle ceda o chan para financiar a construcción dunha nova sede xudicial
Ferrol, 11 de maio de 2007.
A Directora Xeral de Xustiza, Begoña Santos, informou hoxe de que o seu departamento está a executar un Plan Integral de Obras no edificio xudicial de Ferrol que inclúe a adecuación do espazo necesario para ubicar de forma estable o xulgado de guardia. Unha medida que evitará interferencias nos xuízos ordinarios e na actividade diaria da Administración de Xustiza. Esta foi a resposta dada na Comisión de Xustiza pola responsable autonómica á deputada galega Beatriz Sestayo, que presentou unha pregunta parlamentaria sobre a necesidade de dotar á cidade das citadas instalacións. Non só iso, Sestayo interesábase na súa iniciativa polos plans de Xustiza respecto á posible construcción dunha nova sede xudicial, tal e como demandan distintos colectivos profesionais.
Begoña Santos subliñou que, como as obras do Plan Integral xa se iniciaran na etapa do anterior Director Xeral de Xustiza, Julio Ignacio Iglesias, as súas previsións sitúan o remate das mesmas neste mesmo ano 2007. Máis polo miúdo, Santos explicou que tamén se levará a delegación ferrolana do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) á terceira pranta; se trasladará o servizo de notificacións ao actual Decanato, o que permitirá situalo á entrada do edificio xudicial, facilitando as xestións dos veciños, e sacaráse do sótano o servizo de orientación de Xustiza gratuita para ubicalo na pranta baixa. Por último, a Directora Xeral de Xustiza indicou que, a fin de gañar amplitude e comodidade, trasladaráse tamén o Rexistro Civil a unha mellor ubicación na planta baixa.
Por outra banda, Beatriz Sestayo insistiu na Comisión de Xustiza na necesidade de pór a disposición dos ferroláns un novo edificio xudicial máis moderno e funcional que permita dar cabida a novos servizos. E, nesta liña, Begoña Santos destacou que o seu departamento está disposto a financiar a construcción desa nova sede. Iso si, engadiu que na actualidade está á espera de que o Concello de Ferrol lle ofreza o chan axeitado para tal finalidade, un ofrecemento que aínda non se ten producido.
No hay comentarios.:
Publicar un comentario