Esta es la ola buena!

Esta es la ola buena!

viernes, 18 de mayo de 2007

Oficina de atención única

Vicente Irisarri propón centralizar tódolos trámites administrativos na Oficina de Atención Única
O candidato socialista destaca a necesidade de achegar o Concello aos ferroláns e evitarlles desprazamentos a centros administrativos afastados
Ferrol, 11 de maio de 2007. O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Ferrol, Vicente Irisarri Castro, avanzou hoxe que unha das súas prioridades de goberno será a implantación da Oficina de Atención Única, un instrumento que achegará a administración aos cidadáns e evitará a multiplicidade de trámites e desprazamentos innecesarios a centros administrativos afastados. Un paso máis, subliñou o socialista, na construcción duns servizos públicos coordinados e ao servizo da veciñanza. Tamén nesta liña, Vicente Irisarri aposta pola promoción da administración electrónica, que permitirá a tramitación e seguimento dos expedientes que afecten aos ferroláns, así como á xestión tributaria local. Esta actuación, engadiu, precisará un esforzo previo: ampliar o acceso á Rede na zona rural, xa que o alcaldable socialista subraia que “pagan os mesmos impostos no Callao que en Pazos e, polo tanto, teñen os mesmos dereitos”. Iso si, é consciente de que rematar coa brecha dixital entre ambas zonas requerirá moito esforzo e traballo, que se compromete a realizar.

Vicente Irisarri apuntou hoxe que a administración municipal constitúe un instrumento ao servizo da cidadanía, que debe estar orientado a acadar que esas metas de benestar e de calidade de vida alcancen con equidade á grande maioría dos cidadáns. Por iso, asegurou que os socialistas renovan o seu compromiso de mellora permanente dos sistemas de xestión e coordinación municipal para ofrecer uns servizos de calidade orientados ás necesidades dos veciños. Así, o seu principal obxectivo pasa pola modernización da administración municipal cunha simplificación dos procesos de prestación de servizos a fin de desburocratizar a xestión. Para iso, propón organizar administrativamente o Concello en Áreas de Xestión, que estean máis relacionadas coas distintas actividades e servizos municipais de benestar social, urbanismo, cultura, deporte, medio ambiente ou seguridade cidadá.

O alcaldable socialista apuntou que tamén promoverá a formación dos traballadores públicos co obxecto de atender mellor á cidadanía, e anunciou a elaboración das Cartas de Servizos, que informarán aos ferroláns sobre aqueles que prestan os órganos do Concello, os compromisos de calidade na súa prestación e os dereitos dos cidadáns. En definitiva, Vicente Irisarri concluiu que a vontade do seu partido pasa por ter unha administración local próxima ao cidadán, prestadora de servizos públicos de calidade e capaz de asumir os retos que demanda a sociedade do século XXI.


No hay comentarios.: