Plan Ferrol
Irisarri comprométese a recurrir ao Plan Ferrol para promover iniciativas que apoien a creación de emprego
Ferrol, 30 de abril de 2007.
O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Ferrol, Vicente Irisarri Castro, subliñou que se recibe a confianza dos veciños o vindeiro 27 de maio o Concello serviráse dos recursos do Plan Ferrol para impulsar iniciativas que apoien a creación de emprego. Nestes termos se pronunciou o socialista coñecedor da presenza en Ferrol do director de Desenvolvemento Industrial do Ministerio de Industria, Jesús Candil, co obxecto de dar a coñecer as posibilidades e detalles deste programa.
Candil explicou que os fondos do Plan Ferrol destínanse a dous capítulos diferentes: o correspondente a proxectos industriais e o de infraestructuras. Sobre este último apartado, indicou que as axudas concrétanse en subvencións a fondo perdido e en créditos en condicións ventaxosas. E que, a estes últimos, poden optar tanto entidades públicas como organismos sen ánimo de lucro, pasando por asociacións empresariais e concellos.
Tralas explicacións do responsable do Ministerio de Industria, Vicente Irisarri admitiu que non entendía como o Concello de Ferrol nin sequera chegase a solicitar estas axudas. Unha falta de interese que se repite por segundo ano consecutivo. O candidato socialista valorou positivamente a actitude de corporacións como a de Valdoviño ou a de Narón, que si demandaron e recibirán recursos para impulsar proxectos clave como a posta en marcha dunha Escola de Formación Industrial no primeiro caso, ou a conexión do polígono da Gándara coa AP-9, no segundo.
Neste senso, Irisarri Castro reiterou que de gañar as eleccións utilizará o Plan Ferrol en beneficio da cidade. E xa avanzou algunha iniciativa que podería nacer ao abeiro deste programa, como a creación dunha escola similar á que promoverá o Concello de Valdoviño ou un viveiro municipal de empresas.
No hay comentarios.:
Publicar un comentario