Propuestas culturales
Irisarri propón habilitar locais de ensaio para os grupos musicais de Ferrol e crear un rexistro de conxuntos
O candidato socialista comprométese a consolidar o Torrente Ballester como un espazo de exhibición moderno, dinámico e aberto ós cidadáns
Ferrol, 13 de maio de 2007. O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Ferrol, Vicente Irisarri Castro, subliñou que, se recibe a confianza dos seus veciños o vindeiro 27 de maio, converterá a cultura nun dereito de todos e de todas e non nun luxo. É por isto, engadiu, que o programa cultural dos socialistas xira en torno aos conceptos de democracia, participación cidadá e descentralización xeográfica e sectorial. O alcaldable do PSdeG-PSOE, que hoxe á mañá percorreu o barrio do Inferniño para expor as súas propostas aos residentes, desgranou algunhas das medidas que pensa pór en marcha de gobernar na cidade. Entre elas, e como demandan especialmente os mozos de Ferrol, crear un rexistro de conxuntos musicais e habilitar locais de ensaio para os grupos desta e doutra disciplina, como de teatro ou danza.
Vicente Irisarri destacou que, dado que o Concello de Ferrol conta cun patrimonio cultural importante en moitos puntos da cidade e cun gran número de barrios que aglutinan a unha importante parte da poboación, é preciso que a política cultural descentralice xeograficamente as súas actividades de xeito que que non só o centro Torrente Ballester, o Teatro Jofre e o futuro Auditorio sexan os protagonistas das actuacións municipais. Nesta liña, asegurou que a programación ten que estar pensada para que o Centro Cívico de Caranza, o Centro Cultural Carballo Calero, os locais das asociacións de veciños e das entidades culturais, así como a zona rural se sintan parte da cultura que o goberno local deseñe. Así, o socialista propón levar a cultura aos barrios, dinamizando e enchendo de contidos os centros culturais de proximidade, e traballando conxuntamente coas distintas asociacións de cada zona.
Ademáis de consolidar o Jofre como un espazo de referencia en Galicia no plano da exhibición e impulsar programacións estables de carácter profesional e afeccionado e ciclos e festivais noutras instalacións culturais da cidade, Irisarri avanzou a súa intención de converter o Centro Torrente Ballester nun espazo de exhibición moderno, dinámico, aberto á cidadanía e ás manifestacións artísticas máis actuais e innovadoras, un espazo de referencia para todos os creadores e espectadores da Comunidade, impulsando programacións estables ao longo do ano, pero tamén eventos puntuais. Por último, Vicente Irisarri centrouse no eido da formación e destacou que dende o Concello organizarán todo tipo de accións que promovan a educación plástica dos ferroláns, fomentando e impulsando creadores, pero tamén espectadores, contando cos centros educativos e cos docentes.
No hay comentarios.:
Publicar un comentario