Plan de excelencia de hostelería
Xunta, hosteleiros e USC rubricarán en días o acordo para pór en marcha o plan de excelencia hosteleira de Ferrolterra
Ángel Mato, secretario de Organización e número cinco da lista do PSOE, avanza que o proxecto suporá unha inversión inicial de 190.000 euros
Ferrol, 20 de abril de 2007.
O secretario de Organización e número cinco da lista do PSOE de Ferrol, Angel Mato, avanzou hoxe que a Consellería de Economía, a Asociación de Empresarios de Hostelería de Ferrol e Comarca e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) firmarán, en cuestión de días, o acordo a través do cal se porá en marcha un Plan de Excelencia Hosteleira. Mato explicou tamén que o proxecto implicará unha inversión inicial próxima aos 190.000 euros, dos que case 150.000 serán aportados polo departamento autonómico a través do Igape. Completa a financiación a entidade Caixanova mediante un acordo cos hosteleiros. Asemade, indicou que a iniciativa, promovida dende as filas socialistas en colaboración co sector, se presentará nas vindeiras semanas en Ferrol.
O socialista subliñou que o plan constitúe un programa de acción para que nos locais do sector adheridos á entidade se poña en marcha un plan de excelencia na xestión. A través do mesmo, se implantarán medidas que mellorarán o servizo prestado e a competitividade dos negocios. Como paso previo, o proxecto inclúe a elaboración de estudos e enquisas para medir a satisfacción dos clientes e captar os principais puntos febles do establecemento. Será nesta fase na que cobre especial protagonismo a Universidade compostelá.
Ángel Mato subliñou o potencial do programa e mostrou a súa confianza na continuidade de proxectos como o descrito, xa que supoñen unha intervención positiva en sectores moi importantes da economía de Ferrol e contribúen a consolidar ás pequenas e ás medidas empresas que configuran o tecido económico da cidade.
No hay comentarios.:
Publicar un comentario