Touriño e Irisarri en Caranza II
Irisarri comprométese a transformar a avenida das Pías nun vial urbano dotado cun gran boulevard
Arroupado por Pérez Touriño, o candidato do PSOE á Alcaldía de Ferrol avanzou os seus principais proxectos para o barrio de Caranza
Ferrol, 23 de abril de 2007.
O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Ferrol, Vicente Irisarri Castro, comprometeuse a transformar a barreira que representa a autovía das Pías nun vial urbano dotado cun gran boulevard. Na súa opinión e tras pór en marcha a remodelación da fachada marítima de Caranza cando estaba ao fronte da Autoridade Portuaria de Ferrol, esta é a próxima grande tarefa que o barrio precisa a curto prazo. Xunto ao secretario xeral do PSdeG-PSOE e presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, o candidato socialista ofreceu hoxe un mitin en Caranza no que avanzou os seus principais proxectos e iniciativas para a zona.
Vicente Irisarri apuntou que a actuación descrita permitiría tamén crear unha fachada na marxe Este, lindando co polígono da Gándara, con edificios de oficinas e comercios. Asemade, aboga por rebaixar o nivel da avenida das Pías á altura do Parque Pablo Iglesias, de modo que este último quede integrado no Ensanche.
Por outra banda, o socialista subliñou a necesidade de establecer unha comunicación peatonal entre Caranza e Esteiro, na zona universitaria, a través dunha pasarela. Así as cousas, Vicente Irisarri destacou que todas estas actuacións contribuirán a materializar dous obxectivos fundamentais: corrixir o corte traumático que representou para Ferrol, dende o punto de vista urbanístico, a construcción dunha autovía na avenida das Pías e a implantación dun polígono industrial na Gándara, e traballar a favor de que, dunha vez por todas, Ferrol comece na ponte das Pías en lugares de en Porta Nova.
Mercado e auditorio
Vicente Irisarri explicou que, de gañar as eleccións municipais, levará á práctica, en colaboración coa Autoridade Portuaria, actuacións encamiñadas a dotar de pantaláns a Ensenada de Caranza. Asimismo, comprometeuse a darlle uso ao mercado. Ao respecto, indicou que se os hábitos de compra actuais non permiten establecer un centro comercial ao uso, reactivaráo como unha infraestructura de servizos, onde de entrada ubicaría a futura gardería.
O candidato socialista asegurou que traballará para desbloquear as obras do auditorio, actualmente paradas pola mala xestión orzamentaria e de contratación que realizou o anterior goberno da Xunta. Nesta liña, explicou que no seu día aprobouse unha inversión moi inferior á necesaria para acometer a obra; realizouse unha contratación e firmouse unha acta de replanteo sen ter terreos disponibles, e aínda non se presentou correctamente o proxecto modificado para poder continuar a obra. En definitiva, “unha auténtica desfeita” para Irisarri.
Vicente Irisarri engadiu que tamén defende a eliminación das liñas aéreas en colaboración coa Consellería de Industria e Fenosa. E, neste senso, apuntou que a pesares de que falaba de obras e obras como socialista mantiña claras as señas de identidade. Entón, centrou o seu discurso na Lei de Dependencia, cuarto pilar do Estado do Benestar, e asegurou que porá todo da súa parte para que o Concello de Ferrol sexa referente na súa implantación.
Por último, o socialista animou aos socialistas e ao auditorio en xeral a exercer o seu dereito ao voto nos vindeiros comicios. “A dereita vai a votar, aínda que non lle guste o seu candidato; nós temos que conseguir que, como en Francia, vote o 70 ou o 80% dos ferroláns e, así, estaremos en Armas”, concluiu.
Comprometidos co futuro de Ferrol
Emilio Pérez Touriño asegurou que “os socialistas están comprometidos co futuro de Ferrol, con devolver o dinamismo económico á comarca e volver a colocar á cidade departamental como motor económico de Galicia, freando as tendencias regresivas que vén padecendo a bisbarra nos últimos 25 anos”. Así o destacou o presidente da Xunta durante o mitin de apoio a Irisarri, a quen puxo como “exemplo do que a cidade necesita: capacidade para anticiparse ao futuro, desenvolver grandes proxectos e sentido democrático de colaboración institucional para devolver Ferrol ao lugar que merece entre as cidades máis dinámicas de Galicia”.
Na súa intervención, o líder do PSOE salientou que o Plan de Desenvolvemento Integral promovido polo Goberno que preside investirá 1.163 millóns de euros de recursos públicos para incorporar a cidade ao dinamismo económico, a través de actuacións en 11 sectores prioritarios que permitirán cuadriplicar ata 2011 o crecemento medio dos últimos 25 anos. Deste xeito, as actuacións deseñadas pola Xunta permitirán crear 4.400 empregos e xerar un valor engadido estimado de 3.000 millóns de euros.
Pérez Touriño concluíu a súa intervención chamando aos ferroláns a “apostar polo novo modelo de cidade que impulsa o PSdeG, un modelo que se asenta en tres piares: reactivación económica, desenvolvemento sostible e calidade de vida”. Un proxecto que, como salientou o secretario xeral, “busca construír a partir do existente, que pretende impulsar a tradición industrial de Ferrol e diversificar a súa economía con novos proxectos en materia cultural, turismo, patrimonio e medio ambiente. Un proxecto que pretende recuperar a confianza dos cidadáns para revitalizar a cidade e que, con Vicente Irisarri ao fronte, será unha realidade”.
Xuventude e experiencia
Previamente pasaron pola tribuna do Centro Cívico de Caranza Julián Reina, secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Ferrol, e Mercedes Carbajales, concelleira e número dous da lista electoral. O primeiro asegurou que a candidatura socialista representa o cambio, a ilusión e unha forte aposta polos mozos. E, neste senso, desgranou algunhas das medidas que o PSOE recollerá no seu programa electoral dirixidas a este colectivo. Entre elas, fomentar o asociacionismo, ampliar os horarios das bibliotecas ou crear vivendas para mozos. Pola súa banda, Carbajales subliñou que a cidadanía de Ferrol está “desencantada porque pasan os anos e non avanza como ten ocorrido noutras cidades de Galicia”. Nembargantes, apuntou que “este ambiente pesimista tocou fondo e cremos que cada vez somos máis os que sabemos que estamos en abril do 2007”. Así, destacou que a agrupación socialista de Ferrol e a candidatura que encabeza Irisarri “vamos emplear o tempo que sexa necesario para facer que os ferroláns se convenzan de que hai outra forma de facer política”. E, esa forma, a que os socialistas representan, conta cos cidadáns e os sitúa nun papel protagonista.
No hay comentarios.:
Publicar un comentario