Viviendas en Ferrol Vello
Irisarri propón promover a recuperación de vivendas en Ferrol Vello para a mocidade mediante incentivos económicos
O socialista comprométese a complementar a Área de Rehabilitación Integral coa rexeneración das edificacións históricas máis emblemáticas
Ferrol, 11 de maio de 2007.
O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Ferrol, Vicente Irisarri Castro, subliñou hoxe que, se recibe a confianza dos cidadáns o vindeiro 27 de maio, será unha prioridade do seu goberno a posta en marcha dun Plan de Recuperación Socioeconómico de Ferrol Vello. Entre as súas medidas concretas, avanzou que incluirá a elaboración dun programa especial para o barrio dentro do Plan Xeral de Ordeación Municipal (PXOM); promoverá a recuperación de vivendas para a mocidade mediante incentivos económicos, e acometerá unha intervención integral nas rúas San Francisco e Praza Vella que permita achegar a zona portuaria ao núcleo histórico.
O alcaldable socialista mantivo esta tarde unha xuntanza cos membros da asociación de veciños de Ferrol Vello á que tamén asistiron Mercedes Carbajales, Ramón Veloso e Beatriz Sestayo, números dous, tres e catro da lista electoral do PSdeG-PSOE ferrolán. Aínda que a reunión comezou no local social da entidade, o candidato e os veciños iniciaron aos poucos minutos un percorrido polas rúas do barrio, co fin de que os socialistas coñeceran de primeira man o estado do mesmo e valorasen as súas carencias e necesidades. Un formato que Vicente Irisarri seguirá ao longo dos vindeiros días da campaña electoral.
Durante o encontro, Irisarri subliñou que a intención do seu equipo pasa por complementar a Área de Rehabilitación Integral de Ferrol Vello coa rexeneración das edificacións históricas máis características da paisaxe urbana da cidade, especialmente as de titularidade pública. Iso si, engade que o Concello promoverá a utilización e recuperación de edificios históricos sempre e cando haxa demanda de edificios para usos públicos.
Casas abandoadas e ruinosas
Asemade, Vicente Irisarri indicou que a transparencia no desenvolvemento urbanístico e intervención municipal marcará a súa accción de goberno. Por isto, asegurou que os socialistas se comprometen a utilizar o desenrolo urbanístico en beneficio da colectividade e non dos intereses particulares, evitando modelos de crecemento incontrolado e insostible, poñendo freo á especulación e rematando coas prácticas administrativas inadecuadas. Deste xeito, Vicente Irisarri asegurou que o Concello adoptará todas as medidas de intervención ao seu alcance que lle permita a lexislación urbanística vixente. Especialmente, con respecto aos solares sen edificar ou casas abandonadas ou ruinosas, de xeito que se incorporen ao entramado urbanístico e aos intereses xerais.
Nesta liña, o candidato socialista comprometeuse a fomentar a participación cidadá, potenciando os procedementos de comunicación e participación social a través do Consello Social de Urbanismo. Á par, asegurou que os socialistas artellarán fórmulas de colaboración entre as administracións públicas, axentes sociais, colexios profesionais e asociacións empresariais que interveñen no proceso urbanístico coa finalidade de asegurar o cumprimento da legalidade. Por último, apuntou o seu firme compromiso de velar polo cumprimento da ordenanza de solares e ruinas para permitir a intervención daquelas vivendas que se atopen en estado ruinoso e se evite a especulación co solo.
No hay comentarios.:
Publicar un comentario