Esta es la ola buena!

Esta es la ola buena!

sábado, 19 de mayo de 2007

Deporte y educación

Irisarri implantará un bono deporte para acceder a todas as instalacións municipais de Ferrol
O candidato socialista aposta por fomentar o deporte base mediante actividades extraescolares de carácter rotativo para nenos de 4 a 16 anos

Ferrol, 18 de maio de 2007.

O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Ferrol, Vicente Irisarri Castro, avanzou hoxe a súa intención de implantar un bono deporte que suporá unha tarifa plana para poder acceder a todas as instalacións deportivas a nivel municipal. O obxectivo dos socialistas, engadiu, pasa por situar o deporte como un dos elementos máis importantes da sociedade do benestar. Consideralo máis que un fin, un medio ou ferramenta útil e imprescindible dende diferentes ópticas. Entre elas, a sanitaria, a laboral ou a turística. Asemade, Vicente Irisarri asegurou que apostará forte polo fomento do deporte base a fin de ofrecer aos mozos a oportunidade de coñecer distintos deportes e favorecer así unha alternativa de ocio. Explicou que se trataría dunha actividade extraescolar de carácter rotativo cada dous ou tres meses e dirixida a nenos de catro ata os dezaséis anos.

Nesa liña, o alcaldable socialista tamén aboga por institucionalizar o Día do Deporte Base, con carácter anual, e crear o “Foro aberto deportivo”, no que terán cabida tódalas entidades deportivas e cidadáns de forma individual e onde se debaterán todas as suxestións e proxectos presentados, coa pretensión de ir máis aló dos acordos limitados do Padroado de Deportes. Sobre este último, Irisarri Castro defendeu a modificación dos seus estatutos para conseguir que non só se vexan representados os deportes maioritarios, senón a práctica totalidade das entidades deportivas de Ferrol. E, a maiores, anunciou a súa intención de potenciar o tecido de locais públicos para as entidades deportivas como punto de encontro e traballo do movemento deportivo asociativo de Ferrol.

Vicente Irisarri apuntou que entre as súas prioridades está a de promover o deporte a través da mellora dos equipamentos deportivos nos barrios e elaborar un Plan Municipal de Deporte, onde tamén se fomentará a formación dos monitores, deportistas e directivos, se impulsarán as escolas deportivas e se mellorará a calidade dos propios equipamentos dos colexios.

Turismo deportivo

Por outra banda, o candidato socialista apostou por impulsar o deporte como motor de emprego. Considera que Ferrol debe aproveitar as potencialidades do ámbito da natureza, dos deportes minoritarios e do turismo deportivo, moitas delas aínda sen explotar. Neste senso, Vicente Irisarri propón fomentar o deporte na natureza e o deporte aventura, modalidades que hoxe en día están en auxe. E, así, asegurou que dende o Concello organizaranse competicións deportivas e campionatos locais e comarcais en colaboración con outras institucións.

No marco da óptica do deporte saúde, indicou que unha das prioridades dos socialistas será potenciar e mellorar o trazado dos carrís-bici da cidade, establecendo como obxectivo fundamental a unión da liña costeira a través dos mesmos, non só buscando o fomento da práctica dunha actividade física saudable senón tamén para potenciar o uso de medios de transporte máis ecolóxicos.

Campamentos e na rúa

Asemade, o candidato do PSOE asegurou que, se recibe a confianza dos veciños o vindeiro día 27, proponse executar programas adaptados para as persoas discapacitadas e para colectivos sociais con dificultades de acceso á práctica deportiva, á par que propiciará o aproveitamento de instalacións deportivas de colexios e institutos en horario extraescolar, mediante a posta en marcha dun convenio coa Consellería de Educación e os centros que estipule o seu uso sen restriccións por parte da poboación en xeral. ¿O papel do Concello? Coordinar as distintas actividades, puntualizou.

Por último, Vicente Irisarri subliñou que facilitará o acceso á información das entidades deportivas, xa sexa a través de xornadas de formación ou a través do portal web do Concello. E, nesta liña, fomentará dende o Concello a creación de escolas deportivas municipais, especialmente de disciplinas consideradas minoritarias como a vela ou o remo, e promocionará o deporte na rúa e actividades deportivas nos campamentos urbanos. Neste marco, concluiu que os socialistas establecerán convenios con ximnasios e outras empresas adicadas á organización ou realización de actividades no Concello ou comarca, para que ofrezan aos mozos ofertas que se axusten mellor á súa capacidade adquisitiva para desfrutar das súas instalacións.


No hay comentarios.: