Programa electoral
Irisarri presenta un proxecto de cidade caracterizado por un novo modelo de Goberno local que aposta polas persoas
O candidato socialista deu conta do seu programa electoral, que estará aberto ás aportacións dos ferroláns que xurdan nos próximos catro anos
Ferrol, 09 de maio de 2007.
O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Ferrol, Vicente Irisarri Castro, presentou hoxe o programa electoral socialista, “froito de catro meses de traballo e consensuado con entidades e asociacións de tódolos ámbitos da cidade”. Irisarri indicou que as súas propostas manteránse abertas ás aportacións dos cidadáns, “non só durante os quince días que dure a campaña electoral, senón tamén nos próximos catro anos”. Explicou que “esencialmente contén as señas de identidade do Partido Socialista e a súa clara vocación municipalista. Un proxecto que se caracteriza por un novo modelo de goberno local, por unha aposta polas persoas, polo protagonismo da cidadanía, pola convivencia, a calidade de vida e a igualdade de oportunidades para todos os ferroláns”. En definitiva, “un Concello que inclúe e participativo”.
Asemade, Vicente Irisarri apuntou que “o programa non só contén ideas e teorías, senón que aporta solucións e propostas concretas para a nosa cidade”. Dende a cultura e a educación ata a planificación e xestión urbanística e de infraestructuras. Dende a creación de redes públicas sociais a propostas de desenvolvemento económico e promoción do emprego. Dende o compromiso co medio ambiente ata a mellor xestión da facenda municipal e a aplicación das novas tecnoloxías. Dende a vivenda ata o deporte. Por último, Vicente Irisarri destacou que contraía o compromiso ético cos ferroláns de cumprir o programa, xa que o papel lévao o vento.
O alcaldable socialista deu paso entón a Mercedes Carbajales, María López e Ramón Veloso, números dous, sete e tres da lista electoral do PSOE, que se encargaron de desgranar algunhas das principais medidas incluidas no programa.
A cultura, aos barrios
Así, Mercedes Carbajales deu conta da política en materia cultural, educativa e deportiva. Respecto á primeira, subliñou que o programa xira en torno aos conceptos de democracia, participación cidadá e descentralización, tanto xeográfica como sectorial. Sobre esta última, indicou que os socialistas pretenden levar a cultura aos barrios e ao rural, dinamizando e enchendo de contidos os centros culturais de proximidade e traballando conxuntamente coas distintas asociacións e colectivos de cada zona. A número dous socialista tamén avanzou que habilitarán espazos de recursos culturais para os novos creadores; porán en marcha o Consello de Participación Cultural; crearán un rexistro de conxuntos musicais e outros grupos de creadores, e potenciarán a rede de bibliotecas municipais.
En relación á educación, destacou a necesidade de mellorar a colaboración e coordinación cos centros educativos; promover a alfabetización dixital; potenciar a lingua galega ata acadar a súa plena normalización, e reactivar o Consello Escolar Municipal como órgano básico de participación. Tamén, estreitar as relacións coa Universidade e cederlle solo público para a dotación de infraestruturas técnicas e complementarias. Asemade, defendeu o fomento do deporte na rúa, a elaboración dun plano estratéxico do deporte ferrolán e a creación de escolas deportivas.
Centros de saúde en Canido e O Bertón
Pola súa banda, María López subliñou que a área social terá unha atención preferente dentro da acción de goberno socialista, xa que en esencia constitúe a súa diferencia coas demáis formacións e coas restantes formas de facer política. Apuntou que “reflexa a nosa aposta polas persoas, polo protagonismo da cidadanía, pola convivencia, a calidade de vida e a igualdade”. Por iso, engadiu que “será un elemento transversal de todas as nosas políticas co obxectivo claro de crear cidades máis humanas”. Así, indicou que será prioridade para os socialistas o desenvolvemento da Lei de Dependencia, cuarto pilar do Estado do Benestar, que permite a prestación de axuda e atención pública ás persoas que non se poden valer por si mesmas e tamén ás súas familias.
Asemade, avanzou a posta en servizo do teléfono público SOS social, que con carácter gratuito e operativo as 24 horas do día, canalizará as necesidades, demandas e urxencias en materia social. López subliñou a potenciación do servizo municipal de atención ás víctimas de malos tratos; a creación da rede de voluntariado social; a elaboración dun plan municipal de accesibilidade, e a construcción de sendos centros de saúde en Canido e O Bertón.
Administración electrónica
Ramón Veloso, responsable do programa en materia económica, detallou as iniciativas que o seu partido defenderá no plano da organización municipal e no laboral. Así, comezou asegurando que traballarán a favor da modernización do Concello establecendo Áreas de Xestión máis próximas ás necesidades dos cidadáns. Co mesmo obxectivo, crearáse a Oficina de Atención Única, que evitará aos ferroláns perderse nun mar de negociados, e fomentarán a Administración electrónica para facilitar as xestións e trámites aos usuarios sen necesidade de desprazamentos.
No apartado económico, Veloso expuxo que os presupostos se aprobarán en prazo cada ano, o que permitirá unha adecuada planificación económica. Para tal fin, poráse en marcha a Oficina Presupostaria e a Unidade de Contratación Administrativa, que optimizará a xestión e permitirá gañar en transparencia no capítulo de contratacións. Asemade, os socialistas propoñen reservar nos orzamentos unha dotación mínima do 7% para investimentos e reducir o endebedamento municipal do actual 94% dos dereitos líquidos ata o 75%. Un obxectivo factible, para Ramón Veloso.
Apoio a autónomos e cooperativas
Respecto ao emprego, o número tres socialista destacou a necesidade de fomentar a creación de novas empresas, especialmente nos sectores das novas tecnoloxías e da economía social, con apoio tamén ao emprego autónomo e cooperativo. Con tal obxectivo, abogou pola concesión de incentivos fiscais e económicos, pero tamén asesoramento e apoio municipal para a obtención de avais. Propuxo a constitución do Centro de Promoción Económica e Emprego e anunciou un respaldo decidido ao comercio local, fomentando as centrais de compra. En relación ao turismo, defendeu a posta en marcha dunha rede de oficinas de información; a promoción de rutas comarcais guiadas en colaboración cos establecementos hosteleiros; o impulso de actividades náuticas, e a construcción dun campo de golf respetuoso co medio ambiente.
Vicente Irisarri pechou o acto asegurando que tódalas medidas descritas son realistas e factibles. Nembargantes, indicou que ao longo destes días o seu equipo irá explicando polo miúdo aos ferroláns estas e outras iniciativas que, por falta de tempo, loxicamente non se poden resumir nunha exposición dunha hora. Aínda así, concluiu insistindo no carácter aberto do programa socialista e na necesidade de que a cidadanía se implique nel para poder convertilo nunha realidade.
No hay comentarios.:
Publicar un comentario