SEPI, Defensa y Juan de Lángara
Irisarri avanza que técnicos da SEPI visitarán Navantia para analizar coa Autoridade Portuaria os terreos ociosos
O candidato socialista subliñou que en cuestión de semanas iniciará os contactos coa Armada para abrir Ferrol ao mar
Ferrol, 19 de abril de 2007. O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Ferrol, Vicente Irisarri Castro, avanzou hoxe que en cuestión de semanas un equipo da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) se desprazará a Fene para analizar coa Autoridade Portuaria de Ferrol cales son os terreos sen ocupación nas instalacións de Perlío. O socialista, que ofreceu hoxe unha rolda de prensa para explicar polo miúdo o contido das entrevistas que mantivo onte, acompañado por Xavier Carro, en Madrid con responsables do Ministerio de Defensa e da SEPI, subliñou que o presidente deste ente, Enrique Martínez Robles, “está a partir un piñón con Ferrolterra”. Iso si, respetando os acordos suscritos entre o Goberno central e a Unión Europea.
Vicente Irisarri indicou que o obxecto da reunión co presidente da SEPI foi darlle conta das razóns que o levaron a plantexar hai catro semanas, como representante da Xunta no Consello de Administración da Autoridade Portuaria, un rogo para que a entidade que dirixe Amable Dopico iniciase o expediente para a utilización de terreos sen actividade en Navantia Fene. Asemade, o candidato socialista indicou que, a partir de ahí, avanzaron en novos pasos a seguir neste proceso. Así, Irisarri subliñou que “Martínez Robles entende que existe unha capacidade dispoñible en Fene que é preciso pór a disposición do mundo empresarial e, nesta liña, non só o autorizará, senón que tamén asumiu unha actitude proactiva ao respecto”.
Así, o socialista asegurou que a SEPI, como proba da súas intencións, xa iniciou a búsqueda de posibles inversores para Navantia Fene e, nos próximos meses, avaliará xunto co Goberno galego o proxecto ou proxectos. Neste punto, Irisarri apuntou que, debido ao espazo dispoñible, este proceso non ten por que limitarse a unha soa opción. E, en canto aos prazos, foi taxante: “no 2007 estará coronado o proceso de selección das alternativas”. Sobre os requisitos que a SEPI esixirá ás empresas interesadas, explicou que será condición indispensable que acrediten unha situación económico-financieira solvente; presenten un estudio de viabilidade de futuro, e se centren nun sector de actividade compatible cos terreos. Nesta liña, Vicente Irisarri avanzou que a SEPI xa recibiu varias propostas, aínda que por respeto ás empresas, que desexan a confidencialidade, non as daría a coñecer. Sobre a súa procedencia, indicou que algunhas son galegas e outras internacionais, e que incluso ferrolanas interesadas en formar un consorcio e xogar un papel neste contexto.
Convenio con Defensa
Na súa comparecencia, Vicente Irisarri tamén deu conta da entrevista que mantivo co xerente de Infraestructuras do Ministerio de Defensa, Adolfo Hermández. Informou de que o convenio co Concello de Ferrol fora o primeiro tema da axenda e subliñou que lle trasladara a Hernández a necesidade de acelerar a súa rúbrica para evitar retrasos por mor da proximidade da cita coas urnas. “A próxima corporación municipal iniciará os trámites para incluír no novo convenio aqueles espazos que non se contemplen no actual, como Monteventoso”, subliñou o candidato socialista para engadir que “queremos que os cidadáns se beneficien canto antes das cousas positivas”. Vicente Irisarri trasladou a Hernández a necesidade de abrir Ferrol ao mar e, neste senso, explicou que en cuestión de semanas iniciará os contactos coa Armada para comezar o proceso que faga realidade este proxecto socialista. Un proxecto fundamental para conseguir que Ferrol sexa Patrimonio da Humanidade.
Juan de Lángara
“Defensa quere lanzar unha mensaxe clara: o próximo curso o colexio Juan de Lángara abrirá as súas portas e estará transferido á Xunta”, sinalou con contundencia o candidato socialista para engadir que “as familias xa poden reservar con tranquilidade as prazas para os seus fillos”. Asemade, Vicente Irisarri avanzou a data na que o protocolo firmado entre o Ministerio de Defensa e a Consellería de Sanidade se convertirá no convenio definitivo a través do cal o Hospital Naval pasará a formar parte da Rede Pública do Sergas: antes do 3 de maio. E, a maiores, Defensa trasladoulle ao socialista a súa intención de construír unha residencia do Isfas na cidade, que daría servizo aos traballadores do ministerio en activo e a aqueles xubilados. Neste punto, Vicente Irisarri sinalou que incluso podería servir como punto de apoio para a nova Lei de Dependencia.
En definitiva e de gañar as eleccións municipais, o candidato socialista subliñou que a súa intención pasa por establecer un canal de cooperación permanente entre o ministerio e o Concello. Para isto, chegaron a tratar a figura do consorcio, que ambas partes consideran debería porse en marcha naqueles lugares onde existan competencias concorrentes. De tódolos xeitos, Vicente Irisarri subraiou que viaxes como o realizado onte a Madrid se repetirán moitas veces, xa que son o primeiro paso para conseguir unha verdadeira colaboración co Goberno central. Neste senso, censurou que o goberno municipal actual non viaxara ata o dagora o suficiente e que se encerrara en exceso en Armas. “Nós faremos o contrario”, engadiu para concluír que “onte non entendín o sentimento de persecución que tanto denuncian, posto que a actitude tanto de Defensa como da SEPI foi de absoluta colaboración”.
No hay comentarios.:
Publicar un comentario