Esta es la ola buena!

Esta es la ola buena!

miércoles, 23 de mayo de 2007

Abrir Ferrol ao mar

Irisarri aposta por abrir Ferrol ao mar e facer accesible aos cidadáns o patrimonio monumental do Arsenal
O candidato socialista avanza que contratará de inmediato un Plan Director, procedemento que o Ministerio de Defensa valora positivamente

Ferrol, 22 de maio de 2007.

Vicente Irisarri traballará para que “Ferrol deixe de vivir de cara a parede” e “se abra ao mar”. E, para iso, o candidato socialista á Alcaldía da cidade comprometeuse esta mañá a contratar de inmediato, se recibe a confianza dos seus veciños, un Plan Director que estude as posibilidades de integración da riqueza monumental do Arsenal na vida cidadá. Un proxecto que o Ministerio de Defensa ve con bos ollos sempre e cando se respete o concepto de seguridade e que permitirá pór a disposición dos ferroláns o patrimonio monumental deste espazo ata agora inaccesible para o desfrute dos cidadáns.

O socialista compareceu hoxe ante os medios de comunicación para dar conta dos seus plans e asegurou que “agora a sociedade comeza a falar en serio desta posibilidade, máxime cando Ferrol está a apostar pola declaración de Patrimonio da Humanidade”. E, para o socialista, esa aposta queda coxa se a riqueza patrimonial vinculada historicamente a Defensa non é visible nin disfrutable para os cidadáns. Lembrou neste senso que nos anos 90 iniciouse un proceso que o socialista pretende retomar e concluír: a Autoridade Portuaria, naquel entón presidida polo propio Irisarri, sustituía un trozo de muralla emprazada diante do Cuartel de Instrucción por unha valla diáfana. Esta primeira acción foi continuada tamén no seu día polo ex alcalde socialista Manuel Couce Pereiro. Pero para o socialista chegou a hora de ser máis ambiciosos e plantexar dunha vez por todas un Plan Director que recolla todas as posibles actuacións dándolle un contido global e un desenvolvemento secuencial no tempo.

Deste xeito, sinalou que se recibe a confianza dos seus veciños ordeará a súa redacción inmediata por parte dun equipo multidisciplinar integrado por historiadores, arquitectos e enxeñeiros, coa colaboración da Universidade e, loxicamente, da Armada. Este encargaráse de estudar ao detalle a riqueza monumental destas instalacións e determinar a súa accesibilidade. “Non se parte de cero, posto que a citada riqueza patrimonial xa está moi estudada aínda que continúa invisible para a maioría dos cidadáns”, recalcou Irisarri. Concretamente, subliñou a necesidade de determinar o valor patrimonial da muralla do século XIX que se extende dende a praza de Galicia ata Curuxeiras a fin de ver se é posible o seu derribo, o seu retranqueo ou incluso mantela como elemento patrimonial de interese, en cuio caso a citada muralla ou unha huella dela quedaría integrada no boulevard que se proxecta dende o Jofre ata o peirao comercial. Asemade, o propio equipo terá que aplicar os mesmos criterios de análise ás edificacións emprazadas no interior do Arsenal.

Nesta liña, Vicente Irisarri destacou que o equipo multidisciplinar terá que analizar dez hitos emblemáticos que calquer bo promotor turístico debería recomendar aos cidadáns que visiten Ferrol. Entre eles, o socialista considera indispensable incluír a Gran Batería ou a Sala de Armas, unha das tres prazas abertas ao mar que existen en Europa (Ferrol, San Marcos en Venecia e a Praza do Comercio en Lisboa).

De entrada, para o socialista habería tres graos de acceso: as zonas de paso restrinxido ligadas á Seguridade Nacional; as de uso mixto, con acceso permitido pero vixiancia permanente, e as zonas que, aínda dentro do perímetro de Seguridade nacional, se poden abrir ao público.

Promoción e promoción

“Hoxe en día o bo paño hai que promocionalo e mostralo”, asegurou para engadir que a transformación do Arsenal e o seu acceso público resultará como consecuencia lóxica da aposta pola súa declaración, xunto cos castelos da Ría, como Patrimonio da Humanidade e emblemática cidade da Ilustración. Nesta liña, abogou pola integración da Universidade no Consorcio recentemente formado.

Para facer realidade este proxecto, Vicente Irisarri é consciente de que precisa ir da man do Ministerio de Defensa. E, máis concretamente, da Armada. “Este plan debe ceder o protagonismo á cidadanía, representada no seu Concello, e ás Forzas Armadas”, indicou para engadir que, na recente visita que realizou a Madrid, a carteira que dirixe José Antonio Alonso acolleu positivamente esta iniciativa, feita con orde e visión de futuro. “Estamos ante unha nova etapa de colaboración entre administracións que nos permitirá avanzar de xeito decisivo”, subraiou.

Por último, Vicente Irisarri concluiu que “estamos a falar dun novo Ferrol, cunha actividade económica diversificada, na que o turismo cultural facilitará un mellor desenvolvemento económico”, subliñou para pór como exemplo a cidade de Santiago de Compostela, onde a súa Catedral e o seu casco histórico actúan como foco de atracción de milleiros de turistas cada ano, choiva ou faga sol. “A nosa Catedral é a nosa riqueza patrimonial ligada á Ilustración, que pronto se converterá en Patrimonio da Humanidade”, concluiu.


No hay comentarios.: