Esta es la ola buena!

Esta es la ola buena!

domingo, 20 de mayo de 2007

Mitin central de campaña

Irisarri aposta por un novo Ferrol que crea nas súas posibilidades e esqueza o victimismo do PP
Pérez Touriño veu a Ferrol a falar de futuro e comprometerse a que as obras da segunda fase do porto exterior se iniciarán en xaneiro do 2008

Ferrol, 18 de maio de 2007.

Vamos! Ferrol. Con esta mensaxe de ánimo e optimismo comezou e rematou hoxe Vicente Irisarri, candidato socialista á Alcaldía, a súa intervención no mitin central da campaña. Un mitin que, presentado pola deputada autonómica e número catro da lista, Beatriz Sestayo, contou coa presenza do secretario xeral do PSdeG-PSOE, Emilio Pérez Touriño. Vicente Irisarri presentouse a un auditorio dunhas trescentas persoas como o surfista. Explicou que “onte o señor Feijoo asegurou que os ferroláns tiñan que elixir entre un surfista e un señor que tiña arregrado dous buratos e díxoo co desprezo que nace da ignorancia de quen descoñece o surf, porque este deporte é respeto pola natureza, o mesmo que tivo a mocidade coa costa cando nos encheron as dunas de chapapote, o respeto que lle falta a outros cando queren destrozar Ponzos con plantas de acuicultura, é sinónimo de liberdade, de compartirlo todo, de abrir fronteiras lonxe do que fixo este goberno municipal, que só se pechou en Armas”. Puntualizou o socialista que “non é a miña intención pasarme ao pádel, beber viño e conducir despois”.

E, nesta liña, o alcaldable do PSOE asegurou que o Pantin Classic, que fundou e durante 18 anos dirixiu, constitúe un exemplo claro do que pretende facer en Ferrol. Un exemplo de cómo se inician as cousas grandes: con ilusión, con voluntarismo e coa colaboración de tódalas administracións. Vicente Irisarri apuntou que antonte, sentado na súa tabla de surf, lembraba o día de outubro no que Emilio Pérez Touriño o chamou para dicirlle que Galicia necesitaba a Ferrol e que el encabezase un cambio na cidade que a sacase do victimismo ao que a tiña acostumbrada o PP. Nese momento, subliñou Irisarri, prendeu a ilusión no seu corazón. Engadiu que o Partido Socialista non entende de proxectos personais e que, sen dubidalo, nese momento tomou a decisión de ser o candidato en Ferrol.

A partir de entón, o socialista destacou que, coa axuda dun partido forte e cohesionado, como agora está, elaboraron o programa, que recolle tódalas propostas do mundo da muller, da sanidade, da cultura, da educación... Un programa, engadiu, que completou unha lista de xente decente, a que precisa realmente Ferrol. Así, Vicente Irisarri mostrouse firme ao asegurar que “hoxe sabemos o que queremos, como debemos proxectar ese Ferrol do futuro”. E, como primeira medida, avanzou que dende o Concello practicaráse unha política de portas abertas, na que se escoitará a todo o mundo e que evitará os tumultos habituais nos plenos, xa que o PSOE dará participación a todos os veciños.

O socialista tamén asegurou que “vamos a multiplicar a actividade productiva e o emprego, diversificando a economía”. Ao respecto, explicou que ademáis de conservar e potenciar o naval, o PSOE apostará por outros sectores estratéxicos, dende o marisqueiro ata o turismo patrimonial ou deportivo, pasando polo enerxético ou a acuicultura respetuosa co medio. E, nesta liña, citou como ferramenta importante de futuro o Plan Ferrol, que lembrou apoian tanto sindicatos como empresarios. Así as cousas, solicitou aos ferroláns que teñan confianza nas súas posibilidades. “Temos que pensar no presente e no futuro, xa que non vai volver o Ferrol de Carlos III”, subliñou para, acto seguido, pedirlle ao PP que “poña o reloxio en hora”.

Cooperación

Vicente Irisarri tamén avanzou entre as súas prioridades un cambio de rumbo na política urbanística do Concello. E, nesta liña, asegurou que o primeiro que fará será cumprir coas leis e facer caso á Consellería de Política Territorial, porque “vamos a colaborar en lugares de dicir que ninguén nos quere”. Extendeu tamén esa liña de cooperación a outros concellos da comarca, como Fene, Narón ou Valdoviño, e á cidade herculina. Lembrou neste punto a visita que realizou esta semana ao alcalde e candidato socialista, Javier Losada, e subliñou que “xa chegou a hora de que Ferrol e A Coruña deixen de darse a espalda”.

Asemade, o socialista indicou que se ía ocupar das persoas, despois de que durante os últimos catro anos o PP nada fixese neste campo. “Cometimos erros, pero ninguén nos pode negar o mérito de ter universalizado as pensións, a sanidade, a educación e, agora, a atención ás persoas maiores”, indicou para engadir que “levaremos a cabo todos estes plans coa única receta que coñecemos: o traballo”. “Non volveremos a botarlle a culpa ao árbitro”, afirmou. Aínda así, “necesitamos o respaldo decidido da Xunta e o seu apoio en Madrid e Bruxelas”. Admitiu que “xa o notamos” e, neste senso, puxo como exemplo delo a segunda fase do porto exterior.

Nembargantes, Vicente Irisarri apuntou toda unha serie de proxectos que precisan desa colaboración institucional. Así, citou a chegada do ferrocarril ao porto exterior; o saneamento integral da ría esquecido durante anos polo Goberno de Fraga; a posta en marcha dun Plan Director que permita aos ferroláns disfrutar do patrimonio de Defensa; a Vía de Alta Capacidade que una a cidade con Barreiros pola costa, ou a construcción de vivendas protexidas.

Por último, Irisarri salientou que “esta última semana os socialistas temos que convencer aos cidadáns da importancia do voto”. Así, puxo como principal tarefa “saír á rúa para dicirlles aos ferroláns que isto ten solución, pero que hai que ir ás urnas”. O resto do traballo, concluiu, “farémolo a partires do día 28”.

Falar de futuro

Pola súa banda, Touriño comezou o mitin en Ferrol afirmando que “hoxe veño a falar de futuro, de ilusión, de proxectos; o pasado xa pasou onte por aquí por Ferrol, o pasado rematou onte aquí”, en alusión á presenza de Aznar nesta cidade. “Onte estivo aquí o pasado, e Ferrol o que precisa é futuro”. E, nesta liña, Touriño amosouse convencido de que o vindeiro 27 de maio “os ferroláns van a apostar polo futuro, por Vicente Irisarri”. Pérez Touriño subliñou que os ferroláns “van a apostar por construír unha “cidade vital, innovadora, emprendedora, moderna, dinámica e aberta, van a apostar porque Ferrol recobre o protagonismo que merece, que lle corresponde en Galicia. Cos socialistas Ferrol volverá a ser unha cidade innovadora, de referencia en Galicia”. Así, apuntou que “o que está en xogo en Ferrol o 27 é seguir ancorados no pasado ou incorporarse ao futuro”.

O secretario xeral do PSdeG-PSOE asegurou tamén que o compromiso firme e inquebrantable dos gobernos socialistas de Galicia e España con Ferrol outorgarán á cidade unha nova posición central no eixo Porto-Xixón, grazas á culminación das novas infraestruturas de comunicación, á segunda fase do Porto Exterior e á diversificación industrial promovida desde o Plan Ferrol da Xunta. Por iso, animou a respaldar de xeito maioritario a candidatura de Vicente Irisarri á alcaldía, para que Ferrol se sume ao cambio iniciado en Galicia nas pasadas autonómicas e non lle dea as costas ao progreso. Asemade, Pérez Touriño incidiu en que Ferrol necesita un alcalde como Vicente Irisarri para frear proxectos como a destrución da Fraga de Menáncaro ou a privatización da Praza de España. Un alcalde socialista que, co seu proxecto, volva ilusionar á cidade, a saque da situación de parálise e regresión e a sume ao cambio de progreso que viven Galicia e España cos Gobernos socialistas de Touriño e Zapatero.

Destacou que os Gobernos central e autonómico están a apostar como nunca por Ferrol, con “moitos e moi potentes” investimentos que sen dúbida permitirán abrir “unha nova fase na historia da cidade”. Así, incidiu en que a segunda fase do porto exterior se iniciará en xaneiro de 2008, fronte ás falsidades difundidas pola dereita de que o Goberno central non acometería esta obra. Mentres tanto, estase a traballar para rematar no inicio do vindeiro ano o acceso terrestre a esta dársena, no que se invisten 55 millóns de euros, e están en estudo informativo o acceso ferroviario ao porto, cun investimento de entre 70 e 115 millóns.

En materia de infraestruturas terrestres, o líder dos socialistas galegos sostivo que Ferrol deixará de estar illada e en breve poderá presumir dunha situación “enormemente mellorada” grazas ao esforzo dos gobernos socialistas do Estado e Galicia. A este respecto, lembrou que a Xunta está a investir case 250 millóns de euros na vía de alta capacidade Ferrol-San Cibrao e 185 millóns para rematar a autovía Ferrol-Vilalba. Ademais, salientou que o Ministerio de Fomento está a investir 33 millóns de euros no acceso norte por Fene, Neda e Narón –que entrará en servizo en 2008-, e destinará 65 millóns á vía de alta capacidade San Cibrao-Barreiros, agora en estudo informativo. No tocante ao tren de alta velocidade, incidiu en que a conexión co eixo atlántico será unha realidade grazas ao investimento de 413 millóns de euros.

“Os Socialistas temos a firme vontade de que Ferrol se incorpore por completo ao desenvolvemento do corredor litoral de Galicia. As novas infraestruturas de comunicación outorgarán a Ferrol unha nova posición central”, salientou Pérez Touriño, para incidir en que a mellor mostra dese compromiso é a aprobación do Plan Ferrol por parte do Goberno que preside, que mobilizará un investimento global de 3.000 millóns para incorporar Ferrolterra ao dinamismo económico. Un plan, concluiu, que permitirá a diversificación industrial da zona e a habilitación de máis de 3,6 millóns de metros cadrados de solo industrial.


No hay comentarios.: