Bibliotecas y cultura
Irisarri promoverá a creación de pequenas bibliotecas en rede nas asociacións de veciños e entidades culturais
O PSOE, que hoxe celebrou un mini maratón de lectura, comprométese a impulsar unha Feira do Libro de calidade e referencia a nivel galego
Ferrol, 17 de maio de 2007.
O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Ferrol, Vicente Irisarri Castro, avanzou hoxe que entre as súas prioridades en materia cultural está promover a creación de pequenas bibliotecas en rede nas asociacións e entidades culturais, fomentar o día internacional da lectura e impulsar unha Feira do Libro de calidade e referencia a nivel de Galicia. Para predicar co exemplo, o PSOE celebrou hoxe á mañá un mini maratón de lectura no local de campaña aberto aos veciños. Dende as12 e durante unha hora, os socialistas foron situándose detrás dun atril e lendo poemas de María Mariño, a quen este ano se adica o Día das Letras Galegas. Mercedes Carbajales, número dous da candidatura e coordinadora do programa electoral en materia cultural, foi a encargada de comezar as lecturas, que seguiron Sergio e Alex, dous rapaces de 12 e 10 anos. Polo estrado tamén pasaron o propio Vicente Irisarri; o ex alcalde Manuel Couce; o presidente da Autoridade Portuaria, Amable Dopico; Ramón Veloso e Beatriz Sestayo, números tres e catro da lista socialista, e outros membros do equipo como Soledad García Vila, Laura López ou Tito Pena.
Vicente Irisarri subliñou que, se recibe a confianza dos ferroláns o vindeiro día 27, os socialistas marcaránse como reto potenciar a lingua galega ata acadar a plena normalización lingüística e promover cursos de galego e cultura galega dirixidos a tódalas franxas de idade. Engadiu ao respecto que dende o Concello cumpriráse escrupulosamente coa lexislación vixente en canto á utilización do galego na Administración local. Neste senso, Mercedes Carbajales destacou que o seu obxectivo pasa por incrementar o porcentaxe de galego falantes en Ferrol que, actualmente, se sitúa no 35%.
Por último, o alcaldable do PSOE destacou que a alfabetización dixital constituirá outra das súas apostas fortes. Explicou que se levará a cabo a través de cursos e puntos de acceso gratuitos a Internet para a cidadanía, con especial atención ao rural e, nesta liña, avanzou que tamén fomentará a creación de contactos na páxina web do Concello, especialmente os relativos á formación, becas, cursos ou estudos ofertados.
No hay comentarios.:
Publicar un comentario