Ocio y turismo
Irisarri comprométese a fomentar cruceiros pola ría nocturnos e con alternativas de ocio no entorno
O candidato socialista apunta a promoción das actividades náuticas como un dos pilares da súa política en materia de turismo para Ferrol
Ferrol, 10 de maio de 2007.
O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Ferrol, Vicente Irisarri Castro, destacou hoxe que, se recibe a confianza dos seus veciños, volcaráse no fomento dos cruceiros pola ría, tanto diurnos como nocturnos, con actividades de ocio alternativas e restauración no entorno. O mar xogará, sen dúbida, un papel fundamental na política turística de Vicente Irisarri, na que a promoción das actividades náuticas, tanto deportivas como de ocio, constituirán un pilar básico das accións de goberno. “Ferrol precisa explotar o seu potencial marítimo; temos un borde litoral virxe, privilexiado que é necesario atender neste senso co máximo respeto ao medio”, apuntou.
Vicente Irisarri tamén destacou a necesidade de coordinar todas as actuacións en materia turística coas asociacións e empresas do sector. E, nesta liña, avanzou a súa intención de promover, xunto cos establecementos hostaleiros, a organización de rutas turísticas comarcais guiadas de sendeirismo, de castelos, de museos e de exposicións, entre outras. Asemade, o alcaldable socialista incidiu en que para o seu equipo será prioritaria a creación dunha rede axeitada de oficinas de turismo emprazadas en distintos puntos do Concello, tanto no ámbito de influencia da cidade como no seu entorno, definindo adecuadamente a súa función e tempadas de apertura segundo a súa localización.
Asemade, o candidato socialista defendeu unha sinalización axeitada da urbe, dos barrios, das rúas, das parroquias, dos lugares e dos sitios de interese, apuntando tamén a súa ubicación nunha rede de mapas. Nesta liña, Vicente Irisarri asegurou que o PSOE colaborará con outras administracións e sociedades xestoras de vías de comunicación para instalar unha nova sinalización de accesos á urbe e un axeitado mantenemento de rotondas, medianas e luminarias. O obxectivo é claro: mellorar a imaxe que os turistas, e os residentes, perciben de Ferrol.
Outro dos proxectos máis destacados neste capítulo é a construcción dun campo de golf que sexa perfectamente compatible co respecto ao medio ambiente. De feito, concluiu Vicente Irisarri, esta será a máxima dos socialistas á hora de proxectar calquer tipo de iniciativa turística vinculada ao entorno.
No hay comentarios.:
Publicar un comentario