Esta es la ola buena!

Esta es la ola buena!

domingo, 20 de mayo de 2007

Medio ambiente

Irisarri aposta pola creación dun punto limpo para depositar residuos perigosos de uso común
Comprométese a establecer plans periódicos de limpeza dos fondos da ría, praias e outros espazos naturais mediante acordos con entidades sociais

Ferrol, 20 de maio de 2007.

O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Ferrol, Vicente Irisarri Castro, comprometeuse hoxe a crear un punto limpo en terreos municipais en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente para depositar residuos perigosos de uso común, electrodomésticos, materiais eléctricos ou mobiliario usado. Á par, engadiu que dende o Concello se promoverá tamén a valorización como xestión dos devanditos residuos. O socialista asegurou que esta será unha das súas prioridades no capítulo de medio ambiente se recibe a confianza dos ferroláns o vindeiro día 27. Asemade, apuntou a súa intención de establecer plans periódicos de limpeza dos fondos da ría, praias e outros espazos naturais de valor que poidan levarse á práctica mediante acordos con entidades sociais do entorno ou relacionadas con eses espazos.

Nesta liña, avanzou a súa intención de elaborar un plan forestal que incentive a limpeza e recuperación dos montes da cidade, promovendo políticas de reforestación especialmente nos espazos que sexan patrimonio municipal. Ao respecto, engadiu que os socialistas destinarán os medios precisos para a correcta aplicación da ordenanza reguladora de actividades nos montes e espazos forestais, de modo que se respeten as distancias dende as plantacións ás estradas e se recolla a biomasa para o seu posterior aproveitamento.

Vicente Irisarri destacou que outra das súas prioridades no eido ambiental será a incorporación do contorno da Ermida de Chamorro para a súa reforestación e transformación nun espazo verde de uso público. Asemade, favorecerá a recuperación integral do canle do río da Sardiña e o seu entorno, e propiciará a celebración, cada 5 de xuño, do Día Mundial do Medio Ambiente.

Parque periurbano en Brion

O alcaldable socialista tamén sinalou que será un reto a conseguir a construcción dun Parque periurbano en Brion, apto para o sendeirismo e a práctica de bicicleta de montaña, que se convirta na antesala dun gran anel verde que una os espazos de interese natural como poden ser o entorno dos castelos, Cha de Brion e a Lagoa de Doniños. Asemade, os socialistas defenderán a recuperación integral do parque Raíña Sofía mediante a substitución paulatina das árbores deterioradas por especies singulares, o cambio do peche perimetral, a urbanización interior e unha intervención no parque Aquaciencia.

Co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Irisarri Castro avanzou que establecerá plans de vixiancia ambiental no termo municipal que permitan coñecer a calidade do aire, das augas ou o ruído. E, neste punto e co remate da estación depuradora e colectores que se está a levar a cabo en Ferrol, apuntou a necesidade de finalizar tamén as obras de saneamento da zona rural e o seu sistema de depuración.

Neste marco, Vicente Irisarri aposta por establecer un pacto local pola sostenibilidade e a protección do medio e a posta en marcha dun Plan de Actuación Medioambiental para a lexislatura baseado nas conclusións da Axenda 21 Local. Un traballo que se completará coa creación da Axenda Local da Enerxía co obxecto de promover a eficiencia enerxética, a reducción do consumo de auga e a utilización de enerxías renovables no eido municipal, así como introducir criterios de eficiencia enerxética ISO nos procesos de contratación pública.

Por último, o alcaldable socialista subliñou que o seu partido defende a idea de crecemento sostible, un proxecto de cidade no que o desenvolvemento económico e urbanístico non se realice a costa da progresiva degradación do entorno, polo que o seu compromiso será traballar a prol do aproveitamento dos recursos de xeito eficiente e responsable, promovendo políticas nas que a preservación do medio e a recuperación dos espazos degradados se convirtan en sinal de identidade e acheguen valor engadido e calidade de vida á cidade.


No hay comentarios.: