Educaciín, comedores y polideportivo en Ferrol Vello
Irisarri comprométese a ceder a Educación os terreos necesarios para construír un polideportivo en Ferrol Vello
Sánchez Piñón avanza que tódolos centros educativos públicos da cidade naval contarán con comedor escolar o vindeiro curso
Ferrol, 15 de maio de 2007.
O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Ferrol, Vicente Irisarri Castro, subliñou que, se recibe a confianza dos seus veciños nos vindeiros comicios municipais do día 27, ofrecerá tódala súa colaboración á Consellería de Educación para a construcción dun polideportivo en Ferrol Vello que dé servizo tanto aos alumnos do instituto como aos residentes do barrio. Para iso, Vicente Irisarri apuntou que este conseguirá os terreos necesarios para cederllos ao departamento autonómico e que habilite a citada instalación. Un trámite que, segundo apuntou hoxe a conselleira do ramo, Laura Sánchez Piñón, preséntase como imprescindible para acometer as obras.
O alcaldable socialista realizou este anunciou hoxe á tarde, durante unha xuntanza cos directores de centros educativos de Primaria e Secundaria da cidade e representantes de pais e nais de alumnos presidida pola titular de Educación, Laura Sánchez Piñón. Esta tamén estivo acompañada polo delegado provincial da consellería, Pedro Armas; o secretario xeral do departamento autonómico, Benito Fernández, e polo director xeral de Universidades, Rogelio Conde.
Sánchez Piñón explicou que o seu departamento, consciente de que o instituto de Ferrol Vello non reunía as condicións adecuadas para a práctica do deporte, enviou no seu día a un equipo de técnicos para estudiar a construcción dunhas novas instalacións. Pero, tralos estudos pertinentes constátase que, no espazo actual, resulta inviable. Así as cousas e como solución primeira, a consellería leva a cabo obras de mellora ao tempo que se plantexa a construcción dun polideportivo que daría servizo tanto aos escolares como aos veciños. Iso si, sería preciso que o Concello cedese terreos contiguos ao instituto para afrontar unha operación a dúas bandas. Esa solución, que Vicente Irisarri se comprometese a impulsar, depende agora do actual equipo de goberno. “Tócalle actuar ao Concello”, subliñou Pedro Armas.
Vicente Irisarri asegurou que Ferrol precisa un novo estilo de goberno máis colaborador coas administracións. Nesta liña, plantexou algúns dos seus proxectos en materia educativa e destacou o seu compromiso ético de impulsar o Consello Escolar Municipal como ferramenta de colaboración e cooperación cos centros educativos; fomentar a alfabetización dixital; potenciar o uso e coñecemento da lingua galega, e fomentar o deporte escolar.
Neste senso, Laura Sánchez Piñón anunciou que o próximo curso os centros educativos públicos de Ferrol contarán con comedor escolar. Explicou que ata o dagora tan só teñen firmado convenios coas cidades de Pontevedra e Lugo e que confían en que tódolos trámites estean pechados para que esta iniciativa sexa unha realidade na cidade naval o próximo ano. Asemade, engadiu que esta medida permitirá manter abertos os centros escolares un maior número de horas, co que as instalacións se poderán adicar tamén a outras actividades, como ás deportivas.
25.000 libros
Sánchez Piñón informou de que outro dos seus obxectivos na cidade é abrir as bibliotecas escolares á cidadanía. E, ao respecto, indicou que pretenden suscribir un convenio co IES Concepción Arenal con tal obxecto. Destacou que o centro conta con 25.000 volumes, a metade que a Biblioteca Central de Ferrol, que merecen estar a disposición dos cidadáns. Agora, indicou a conselleira, falta o visto bo do Concello.
Por último e a preguntas dos periodistas, Laura Sánchez Piñón destacou que o seu departamento está a traballar día a día para facer realidade co Ministerio de Defensa a transferencia do Juan de Lángara. Asumiría así unha competencia que debería compartir coa Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. A conselleira puntualizou que aínda que as xestións están moi avanzadas non quería realizar anuncios ao respecto porque se poderían considerar electorais. Nesta liña, Vicente Irisarri asegurou que é unha cuestión de semanas ou días, xa que polas conversas mantidas co ministerio o tema está ben encauzado. A día de hoxe, concluiu, “témonos que preocupar por verdadeiros problemas sen solución á vista”.
No hay comentarios.:
Publicar un comentario