Recimil
Irisarri defende a colaboración decidida entre Concello e Xunta a favor da rehabilitación de Recimil
O candidato socialista trasladou as súas principais propostas e proxectos aos membros da asociación de veciños San Fernando
Ferrol, 30 de abril de 2007. O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Ferrol, Vicente Irisarri Castro, asegurou hoxe que se gaña as eleccións de maio adoptará unha actitude de total colaboración coa Xunta de Galicia para desenvolver xa a rehabilitación de Recimil. Así llelo expuxo esta tarde aos membros da asociación de veciños San Fernando, cos que mantivo unha xuntanza na que tamén participaron Mercedes Carbajales, Ramón Veloso e Beatriz Sestayo, números dous, tres e catro, entre outros integrantes da lista electoral coa que concorrerá o PSOE aos comicios municipais.
“Unha das nosas primeiras tarefas ao fronte do Concello, se os veciños nos dan a súa confianza, será respostar á Administración galega para atacar de inmediato a recuperación do primeiro bloque; o importante é empezar xa, non deixar pudrir os proxectos, sobre todo neste tema, que debería estar resolto hai anos”, sentenciou o candidato socialista. Asemade, Vicente Irisarri asegurou que establecerá un novo xeito de gobernar, no que imperará o diálogo cos ferroláns. “Todos terán unha resposta, aínda que nalgúns casos igual non é a que esperan”, afirmou.
Durante o encontro, os veciños tamén se interesaron pola nova Lei de Dependencia. A tamén deputada galega Beatriz Sestayo explicou que supón o cuarto pilar do Estado do Benestar, tras a sanidade universal, a educación para todos e as pensións. Indicou que procurará satisfacer as necesidades das persoas que por si soas non poden valerse. Nesta liña, apuntou que serán os concellos, como administración máis próxima, os que desenvolvan a normativa. Así, crearáse un servizo público de asistencia a través de centros de día, teleasistencia, coidadores... Sestayo destacou tamén a posibilidade de que os cidadáns que están ao coidado de familiares perciban unha paga por esta labor e se den de alta na Seguridade Social. Os concellos deberán colaborar co Goberno central e coas autonomías, que financiarán o sistema, para a prestación dos servizos. Neste punto, Vicente Irisarri comprometeuse a desenvolver canto antes o censo de beneficiarios para garantir a tódolos ferroláns o acceso a tódalas axudas que traiga consigo a normativa.
No hay comentarios.:
Publicar un comentario