Compromisos
Irisarri avanza as primeiras 75 accións que emprenderá nos 100 primeiros días de goberno se recibe a confianza dos ferroláns
O candidato socialista subliña que continuará coas xuntanzas coas asociacións, entidades e veciños da cidade a partires do luns
Ferrol, 24 de maio de 2007.
O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Ferrol, Vicente Irisarri Castro, deu conta hoxe das 75 primeiras accións que emprenderá nos 100 primeiros días de mandato se recibe a confianza dos cidadáns o vindeiro domingo. Accións a emprender e, nalgúns casos, apuntou Irisarri, rematar. Pero antes de comezar a súa exposición, o candidato socialista quixo pedir desculpas a aquelas asociacións e entidades coas que non tivo tempo material para reunirse nestes días de campaña electoral: “O día só ten 24 horas e sempre queda alguén por visitar, pero o noso compromiso non se acaba mañá venres, segue o luns, e o que vamos a facer será continuar con ese diálogo e esas xuntanzas”. Neste senso, Irisarri apuntou que nunca se plantexara este tipo de contactos para realizar afirmacións demagóxicas nin contraer compromisos irrealizables. “O que si poderemos emprender son as seguintes 75 medidas”, subraiou o socialista para, a continuación, repasalas unha a unha coa colaboración de Beatriz Sestayo, Ramón Veloso, Mercedes Carbajales e Manolo Santiago, números catro, tres, dous e seis da candidatura.
Vicente Irisarri asegurou que as primeiras accións a tomar enmarcaránse no eido institucional e, nesta liña, indicou que quere amosar a vontade do goberno municipal de colaborar co resto de institucións e asociacións en xeral. Así, o primeiro será intercambiar impresións cos membros do órganos de representación sindical do Concello. A partir de entón, asegurou que lle gustaría manter reunións co presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, que tanto apoio lle está a prestar a Ferrol; co presidente da Deputación da Coruña; co alcalde da cidade herculina; de xeito conxunto con todos os alcaldes das tres comarcas; co vicerrector da Universidade da Coruña; co responsable do Ministerio de Defensa; das consellerías de Sanidade (explícitamente, indicou neste punto a necesidade de pechar a transferencia do Hospital Naval), Política Territorial, Presidencia, Economía e Vivenda (para a constitución da Empresa Municipal de Vivenda), coa Armada e coa Autoridade Portuaria de Ferrol.
Asemade, o candidato socialista destacou que non practicará a política do avestruz, senón que mirará de cara aos problemas que durante esta campaña os veciños lle foron expoñendo. Recoñeceu que será imposible resolver eses problemas en 100 días, pero comprometeuse firmemente a abordalos de xeito decidido e asumir dende o Concello as decisións máis convenientes para a cidadanía. Así, entre esas cuestións a abordar citou a praza de España, Menáncaro, Sartaña, as expropiacións de Canido, o centro comercial de Caranza, o centro comercial Porta Nova e a praza de Armas.
Pola súa banda, Beatriz Sestayo centrouse nos ámbitos de participación, benestar, igualdade e solidaridade. Avanzou a urxente convocatoria para a creación de todos os órganos consultivos e participativos a constituír segundo o programa. Tamén a posta en marcha gradual da oficina de atención cidadá e da oficina do Centro Cívico de Caranza como rexistro auxiliar nesa idea de descentralización da administración. Asemade, asegurou que se iniciará a curto prazo a planificación para a posta en marcha da administración dixital, así como que botará a andar o servizo de información e atención ás persoas dependentes. Outra das prioridades no campo social será a mellora da organización e prestacións da casa de acollida e a redacción do plan de usos do futuro edificio social. De igual xeito, iniciaráse o plan de eliminación de barreiras audiovisuais e sonoras e poráse en marcha o rexistro de ONG`s e voluntariado.
Economía e medidas de choque
Ramón Veloso detallou as accións a emprender no eido económico e as medidas de choque a pór en marcha. Respecto ás primeiras, asegurou que o Concello realizará un análise económico sobre a execución presupostaria, a situación da débeda de proveedores, da débeda financieira e da situación contractual (tanto dos compromisos anuais e plurianuais como dos contratos pendentes de adxudicar). O número tres comprometeuse tamén a iniciar os trámites precisos para a creación da oficina presupostaria e da unidade de contratación, á par que o alcalde dará a orde de inicio de elaboración dos orzamentos.
Como medidas de choque, Veloso asegurou que se contratará ou ampliará o contrato para a posta en marcha de compactadores de residuos urbanos en mercados, centros sanitarios e outros grandes productores de residuos. Melloraráse o servizo de transporte público establecendo novas rutas e frecuencias e colocaránse novas marquesinas e paneis informativos informáticos. Firmaránse contratos urxentes para o arranxo de rúas, para a sinalización horizontal e vertical, revisaráse ou contrataráse un servizo de mantenemento de mobiliario urbano, reordenaránse os puntos de información turística e prepararáse unha concesión de kioscos para atraer á xente de novo ás rúas.
En materia de tráfico e seguridade, Ramón Veloso apuntou que se elaborará un análise da circulación, procederáse á sinalización axeitada de desvíos provisionais e coordinaránse as obras en execución e as previstas coa creación da comisión de seguemento de infraestructuras. Asemade, controlaránse as áreas de carga e descarga e revisaráse a limitación de tonelaxe na cidade. Por último, proponse a contratación dun estudo dun Centro de Transportes.
Festas de verán
Mercedes Carbajales informou de que unha das primeiras medidas a emprender será a constitución do Consello Escolar Municipal, despois de que durante os últimos catro anos non se convocase. Desenvolveránse tamén as actividades extraescolares dacordo coa comunidade educativa; potenciaránse os comedores escolares; abordaráse a programación do segundo semestre do 2007; traballaráse na programación das festas de verán; iniciaráse a elaboración da normativa de usos de contenedores culturais e potenciaráse a programación da banda municipal. Asemade, Mercedes Carbajales destacou a necesaria revisión de horarios da biblioteca central, a posta en marcha dunha campaña informativa para potenciar os usos da biblioteca, a elaboración dun plan de usos das instalacións deportivas e o impulso decidido ás obras do Auditorio Municipal.
Manolo Santiago centrou a súa intervención no emprego e no medio ambiente. Así, respecto ao primeiro apartado, anunciou a convocatoria inmediata da mesa do pacto local polo emprego para o estudo das posibilidades reais e futuras da cidade. En canto ao segundo, destacou dúas medidas para erradicar dous problemas latentes especialmente na zona rural: a elaboración do mapa de vertedoiros incontrolados e a aplicación da ordenanza municipal de xestión de residuos forestais. Asemade, indicou que se iniciará a elaboración do plan de actuación ambiental para o segundo semestre do 2007 e revisaráse e ampliaráse o ámbito temporal do plan de socorrismo nas praias co obxecto de evitar que se repitan situacións como a do ano pasado, cando a 15 de xuño os areais estaban sen socorristas pero si con bañistas.
Por último, Vicente Irisarri pechou a exposición de accións a emprender subliñando dous dos seus principais compromisos cos ferroláns: “o primeiro é o traballo e o segundo, atacar con decisión os problemas”.
No hay comentarios.:
Publicar un comentario