Esta es la ola buena!

Esta es la ola buena!

sábado, 12 de mayo de 2007

Ilusión, futuro e oportunidades para todos

Irisarri fíxase como principal desafío conseguir que ninguén teña que facer a maleta e emigrar de Ferrol

Arroupado por Pérez Touriño, o candidato socialista avanzou as liñas mestras do seu programa a entidades e colectivos da cidade

Ferrol, 14 de abril de 2007.

O secretario xeral do PSdeG-PSOE e actual presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, arroupou hoxe ao candidato dos socialistas á Alcaldía de Ferrol, Vicente Irisarri Castro, na presentación das liñas mestras do seu proxecto de cidade a entidades e colectivos de tódolos ámbitos da urbe nun acto que estivo presentado por Amable Dopico, secretario xeral do PSOE local. Vicente Irisarri plantexouse como principal desafío lograr que ninguén teña que volver facer a maleta en Ferrol para emigrar e buscar fóra unha oportunidade laboral ante a falta de traballo. Tras comezar a súa intervención desexándolle unha pronta recuperación ao secretario comarcal da UGT, José Luis Dopico, que dende hoxe supera dende a casa unha intervención quirúrxica, Vicente Irisarri asegurou que o primeiro obxectivo do seu programa xa se cumprira a tenor do público que hoxe abarrotaba o hotel Barceló-Almirante: contaxiar de entusiasmo á cidadanía.

O candidato socialista subraiou que o lema da cita, “Ferrol: participación e futuro”, definía claramente o seu traballo. Indicou: “miramos adiante e non daremos nin un paso atrás e, dende o pasado 4 de novembro cando nesta mesma sala presentei a miña candidatura, traballo intensamente para escoitar e recoller as peticións e necesidades da cidadanía e incorporalas ao programa electoral, que a punto está de entrar na imprenta”.

Asemade, Vicente Irisarri asegurou que “cando cheguemos ao Concello vamos a cambialo todo aproveitando o bo e optimizando o traballo dese exército de 500 funcionarios que integran a plantilla; incorporaremos á actividade municipal as novas tecnoloxías e instauraremos a ventanilla única; remataremos decenas de rúas que non chegan a ningunha parte e soñaremos e interpretaremos os soños dos ferroláns para facelos realidade”. Nesta liña, o socialista indicou que “hai 20 anos da reconversión e Ferrol non se parece ao que os nosos adversarios queren facernos ver”. Así, detallou que “hoxe en día a autoestrada chega ao corazón da cidade; a autovía do Cantábrico estará concluída no 2008, o mesmo ano no que teremos rematada a segunda fase do porto exterior, en cuio proxecto están a traballar os técnicos da Autoridade Portuaria de Ferrol, e disporemos de solo industrial suficiente en Leixa e Mandiá”. Neste senso, indicou que “as solucións para Ferrol non están nunha soa persoa nin en un só partido, senón na unión de tódolos cidadáns”. Vicente Irisarri reiterou que “non podemos esperar a que Carlos III nos ensine o que son as redes wifi, temos que levar proxectos ben definidos a Santiago, Madrid e Bruxelas para que nolos financien”.

Neste contexto, o candidato socialista defendeu a necesidade de potenciar as relacións cós concellos limítrofes e tamén con A Coruña. Sobre todo, nos proxectos estratéxicos como o AVE.

Por último, Vicente Irisarri subliñou que “o compromiso ético dos socialistas no Concello, gobernemos ou como oposición, será traballar duramente por cumprir estas iniciativas”. Concluiu sinalando que en toda a historia de Ferrol ningún presidente da Xunta de Galicia viñera, como Emilio Pérez Touriño, ata tres veces en nove días. “Unha proba máis do seu compromiso con esta cidade”, indicou.

Pola súa banda, Emilio Pérez Touriño subraiou que “ata o dagora había unha débeda con Ferrol que chegou o momento de saldar”. “E, para iso, escollimos á mellor persoa: Vicente Irisarri”, engadiu. Proseguiu sinalando que “hoxe non hai razón para que as cousas segan igual, xa que temos os mimbres para facernos co futuro; Ferrol impórtame, Ferrol nos importa”. Touriño insistiu en que “chegou o tempo de suplir os déficits que denuncian sindicatos, empresarios e asociacións”. E, nesta liña, “só fai falta que Ferrol gañe o seu futuro e asuma o cambio xa iniciado nas autonómicas”. Así, apuntou que “esta cidade precisa dun alcalde optimista, con fundamentos, que traballe con lealdade e colaboración, que defenda a urbe dende a responsabilidade e que teña o talante de Vicente Irisarri”.

“Temos que abrir un novo periodo na historia de Ferrol no que gañe o peso que merece e, para iso, estamos comprometidos coas súas infraestructuras”, subliñou. Entre elas, citou a conclusión da autovía do Cantábrico no 2008; o remate da segunda fase do porto exterior tamén no vindeiro ano (aludiu neste punto á mala planificación dos seus accesos herdada do PP para engadir que estarán listos en breve); o saneamento integral da ría (indicou que no 2009 estarán finalizadas tódalas obras de saneamento integral); o desenvolvemento industrial diversificado da zona ou a recuperación dos terreos ociosos de Navantia Fene.

Por último, Pérez Touriño destacou o compromiso do seu partido co urbanismo responsable, transparente e ordeado. E, nesa liña, asegurou que “non se pode facer o que se fixo na praza de España”. Así as cousas, lembrou que “o 27 de maio está en xogo, para ben, o futuro de Ferrol e necesitamos un alcalde comprometido con esta cidade, necesitamos a Vicente Irisarri”.


No hay comentarios.: