Alcalde e conselleiro de Medio Ambiente garanten a posta en marcha ao 100% do sistema de depuración da ría no 2010.
O alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, anunciou onte o compromiso da Consellería de Medio Ambiente de garantir un investimento aproximado de 36 millóns de euros para a execución das obras de conexión ao colector xeral de recollida de augas residuais das redes existentes e facer así efectiva a súa depuración ao 100% no prazo de dous anos. O anuncio tiña lugar nunha rolda de prensa conxunta entre o rexedor e o titular de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, posterior a unha reunión de traballo entre ambas partes; o saúdo do conselleiro aos membros da corporación, e a súa sinatura no Libro de Ouro da cidade.
Vicente Irisarri subliñou que a obra descrita, así como outras complementarias, posibilitarán a posta en funcionamento do sistema xeral de saneamento da ría de Ferrol. Obras dunha grande envergadura e un alto custe inasumible para as arcas municipais, pero que atopan na Consellería de Medio Ambiente un aliado fundamental. Así as cousas, o alcalde apuntou que Manuel Vázquez amosara o seu compromiso inequívoco e tanxible cos plazos da actuación. No 2008, segundo as súas previsións, procederáse á redacción dos proxectos necesarios para, o vindeiro ano, estar en condicións de licitar e iniciar a obra e, previsiblemente no 2010, rematalas. Un proxecto estratéxico para o alcalde por canto repercutirá nun sector clave para a economía de Ferrol como é o marisqueiro.
O conselleiro apuntou que non se trata dunha obra dun ano, dada a súa complexidade e alcance. Máxime cando o seu departamento está a executar unha política integral de saneamento nunha ría cun alto grao de contaminación que pervive dende hai décadas. E máxime cando a Xunta non cre na política de parches. Toca o saneamento, enfatizou o conselleiro para engadir que o sistema de saneamento permitirá a recollida e transporte das augas residuais de Ferrol, o seu tratamento na estación depuradora de augas residuais e o sistema de verquido asociado. Nese proceso, Manuel Vázquez avanzou tamén que antes de 15 días o seu departamento adxudicará a depuradora da marxe sur, que se emprazará na localidade veciña de Ares.
Neste contexto, Vicente Irisarri destacou que a reunión de traballo non rematara cun único compromiso senón máis ben ao contrario. Así, alcalde e conselleiro acordaron avanzar no saneamento do rural de Ferrol, que integran oito parroquias. O rexedor apuntou que ningún goberno autonómico fora quen de iniciar as actuacións, fronte ás intencións do equipo actual que sitou nesta lexislatura local a solución ao mesmo. Precisamente, Manuel Vázquez informou de que será no horizonte do 2011 cando se chegue á licitación da práctica totalidade dos sistemas de depuración do rural. Con plazos fiables, Vicente Irisarri asegurou que no 2009 se comezará a atacar o problema, para seguir cunha acción progresiva. O custe estimado, uns 11 ou 12 millóns de euros.