Melloras do Torrente Ballester
Irisarri recaba o apoio económico da Deputación para a recuperación do Centro Torrente Ballester
· O alcalde anuncia que o organismo provincial colaborará nas obras cunha achega de 100.000 euros durante o ano 2008
· O rexidor destacou que ambas administracións traballarán en común para a posta en marcha dun festival de jazz na cidade
Ferrol, 24 de outubro de 2007.-
O alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, anunciou esta mañá que a Deputación provincial de A Coruña colaborará co Concello de Ferrol nas obras de mellora do Centro Cultural Torrente Ballester. Así, a aportación económica do organismo que preside Salvador Fernández Moreda ascenderá a 100.000 euros, cantidade que o Concello ingresará durante o 2008 e que se sumará aos 150.000 euros que a Administración local destinará a esta actuación durante ese exercicio. Así o explicou Vicente Irisarri tras manter unha xuntanza no consistorio coa presidenta da Comisión de Cultura da Deputación, Caridad González Cerviño. Unha reunión na que tamén estivo presente o edil de Facenda e deputado provincial, Ramón Veloso.
O primeiro edil destacou a receptividade de González Cerviño coas demandas expostas e avanzou que as obras do Centro Torrente Ballester se iniciarán coa maior urxencia posible. En principio, engadiu que o goberno local entrará neste 2007 na fase de estudo dos arquitectos que se terán que encargar de redactar o proxecto para esta instalación cultural de primeiro orde.
Nesta liña, Vicente Irisarri asegurou que, coa xuntanza celebrada con González Cerviño, o Concello abría formalmente os cauces de colaboración no eido cultural, cos que confíaba acadar uns bos resultados para a cidade. De feito, avanzou que a responsable provincial tamén comprometera o apoio económico da institución con distintos certames culturais locais tales que o Premio de Piano ou o Esquío. Asemade, Irisarri destacou outra proba máis da aposta da Deputación con Ferrol ao sinalar que tiña recabado o respaldo da institución para a posta en marcha dun festival de jazz na cidade. Unha cita que se desenvolvería, de cumplirse os plans municipais, neste vindeiro ano. Por último e antes de cederlle a palabra a Caridad González Cerviño, o alcalde de Ferrol mostrouse convencido de que esta brindaría o seu apoio ao Concello non só no 2008 senón tamén no que resta de lexislatura.
A presidenta da Comisión de Cultura da Deputación subliñou que traballaría en firme para que a cidade entrase no vindeiro ano no circuito de exposicións do organismo provincial. Tras destacar a importante e variada oferta cultural da urbe naval, González Cerviño coincidiu con Vicente Irisarri na necesidade de proceder á inmediata recuperación do Torrente Ballester. Actuación para a que comprometeu todo o apoio da institución que representa.
No hay comentarios.:
Publicar un comentario